Apoiar aos negocios locais. Esa frase que soa tan bonita nos panfletos e anuncios, pero que moitas veces nos esquecemos de practicar. Quizais sexa porque Amazon é máis cómodo, ou porque pensamos que a tenda da esquina non nos necesita tanto. Imos desmontar todos eses prexuízos e explicar por que é vital para todos nós apoiar aos negocios locais.
/Froitería local.
Imos comezar polo básico: imos perder a esencia da vida de barrio se todos comezamos a mercar en liña. Non, non é só unha frase feita. Que pasa cando un veciño pecha o seu negocio porque non lle dá para pagar o aluguer? Pois que desaparece un pedazo de identidade, un lugar onde sempre atopas unha cara coñecida. Así que, a próxima vez que penses en pedir por internet ese par de zapatillas, pensa no zapateiro da rúa de abaixo que leva décadas axudándoche a camiñar con estilo.
Que pasa cando gastas cartos nun negocio local? Pois que eses cartos quedan na túa comunidade. Non van parar a un paraíso fiscal nin ao peto dun multimillonario que nin sequera sabe onde queda Toba. Cando mercas no comercio local, estás axudando a que eses cartos circulen na túa zona. Isto crea emprego, mellora os servizos e fai que todos vivamos un pouco mellor. E todo isto sen saír do barrio. Non che parece un trato xusto?
A calidade é maior porque o da casa sempre sabe mellor.
/Bolo de pan.
Vouche contar un segredo: a froita e a verdura da froitería Manolo sempre vai ser mellor que a do gran supermercado. Por que? Porque Manolo coñece aos produtores, sabe de onde veñen e preocúpase pola calidade. Iso é algo que non atoparás nas grandes cadeas, onde o obxectivo principal para manter o seu modelo de negocio é vender máis e máis barato. O modelo empresarial de Manolo é vender froitas e verduras da mellor calidade a clientes recurrentes para ter uns ingresos estables e poder vivir. Xa non estou falando de produtos artesanais: o pan da panadería de toda a vida nunca terá rival. Está feito con amor, tradición e, por suposto, sen présa.
O trato humano non ten prezo.
Cando tes un problema co que mercaches na tenda de barrio, quen che atende? Pois normalmente, a mesma persoa que che vendeu o produto. E esa persoa preocúpase por ti porque sabe que es o seu veciño, non un número máis na contabilidade anual. Ese asesoramento (e cariño) é impagable. E non é só polo produto en si, é polo consello, pola conversa e pola comunidade que tanto valoramos e que vai desaparecer se non lle poñemos remedio.
O pequeno negocio é moito máis aberto aos cambios que as grandes empresas.
/Buque de carga.
De isto falamos con coñecemento de causa. A nosa experiencia durante anos como comunicadores traballando tanto para grandes empresas como para PYMES dinos que estas últimas están moito máis abertas a realizar cambios, a mirar con outra perspectiva, a facer autoexame e, si é necesario, a volver a plantexar o seu negocio. Por natureza, este tipo de negocios son máis flexibles e adaptables que as grandes corporacións. Cando algo non funciona, teñen a capacidade de cambiar rápidamente.
Son como eses barcos pequenos que poden virar en calquera momento, mentres que os transatlánticos levan días para facer a maniobra. Isto significa que poden ofrecer produtos e servizos únicos e innovadores que non atoparás en ningún outro lugar.
O verdadeiro coste.
E se deixamos de apoiar aos negocios locais? Pois moi sinxelo: desparecerán. E con eles, perderemos emprego, calidade de vida e identidade. Os barrios converteranse en zonas impersonais, dominadas por grandes cadeas que non che coñecen nin lles importa a túa historia. Así que, a próxima vez que vexas unha tenda pechar, pensa que quizais poderías facer algo para evitalo. Porque a responsabilidade de manter viva a nosa comunidade é de todos nós.
Apoiar aos negocios locais non é só unha cuestión de preferencia persoal, senón de responsabilidade comunitaria. É a mellor forma de garantir que a nosa economía siga sendo forte e resiliente, que os nosos barrios manteñan a súa identidade e que todos podamos gozar dunha mellor calidade de vida. Así que, a próxima vez que penses en mercar algo, lembra que o pequeno xesto de elixir un negocio local pode ter un gran impacto.
Carmiña non vai deixar de traballar polo benestar económico, social e medioambiental da Costa da Morte. Se queres botarlle unha man, podes plantexarte convertirte en socio de ei!Carmiña. Ten unha chea de cousas boas, pero a mellor de todas sempre é o teu apoio.
Se che interesan os beneficios, bota un ollo a esta páxina.